En canto aos tempos da última xornada, Serantes, que xa se impuxo o sábado, volveu ser o máis rápido nas dúas pasadas oficiais. No primeiro tramo cronometrado fixo un tempo de 2:27, e no segundo de 2:29. Toño Varela e José Antonio Gómez alteráronse na segunda praza das mangas oficiais da xornada do Domingo.
O dominio das barquetas na segunda xornada da subida á Estrada foi absoluto, e hai que acudir á novena praza da clasificación para atopar ao primeiro carrozado. O Maxi Megane de Jaime Castro levou a vitoria na categoría cun tempo de pouco máis de 5 minutos e 31 segundos. Xusto por detrás de Castro concluíu o piloto estradense Javier Martínez Carracedo, que resultou o protagonista do incidente da xornada.
Marchaba xa a última manga da proba, a segunda cronometrada, cando Javier Martínez Carracedo, ao volante do seu Renault R5 GT Turbo, sufría un aparatoso accidente. O piloto deslizou nunha curva, estrelándose de cheo contra un noiro de terra. O estradense saíu polo seu propio pé do coche, e ileso, e non necesitou ser trasladado a ningún centro hospitalario, pero sen dúbida, deu un bo susto a todos os presentes. As medidas de seguridade coas que conta o vehículo foron fundamentais.
A pesar dos incidentes sufridos durante todo o fin de semana, a Escuadra Estradense botaba o ferrollo onte á proba con valoracións positivas. Desde o club destacouse a colaboración prestada por institucións e patrocinadores, e sobre todo por todos os colaboradores que traballaron na organización da competición. A entrega de trofeos puxo o broche final no Teatro Principal ao fin de semana de motor na Estrada.
0 comentarios:
Publicar un comentario